A Facultade de Deseño da Universidade de Vigo é un centro universitario público pertencente ao Campus CREA Pontevedra. Fundado no ano 2023, imparte estudos de grao, mestrado e doutoramento orientados ao ámbito do deseño gráfico, dixital e de moda. O centro aposta por unha liña de formación e investigación holística, aberta, pluridisciplinar e integrada no mundo profesional. Dende a facultade entendemos o deseño como unha ferramenta de innovación, desenvolvemento e transformación da sociedade, e buscamos formar e orientar aos profesionais do futuro.
A sede principal ubícase no centro da cidade de Pontevedra, na rua Benito Corbal, ademáis de compartir talleres e instalacións coa Facultade de Belas Artes.
→ Sede R/ Benito Corbal en Google Maps
→ Sede Facultade de Belas Artes en Google Maps
A Facultade de Deseño, nas súas sedes, posúe espazos e talleres especializados nos ámbitos do deseño gráfico, deseño dixital e deseño téxtil e moda.
→ Laboratorio dixital
→ Laboratorio de procedementos
→ Laboratorio de prototipado
→ Laboratorio de modelado 3D
→ Talleres téxtis
→ Talleres de debuxo
→ Plató de fotografía
→ Taller de serigrafía e gráfica
→ Biblioteca especializada en deseño e arte
A Facultade de Deseño enmarcase no camiño da especialización do Campus CREA Pontevedra, centrado nos sectores creativos, artísticos, de innovación e sustentabilidade da sociedade. Resulta unha peza esencial que ven a complementar as titulacións do campus configurando un potente polo creativo e de innovación no territorio galego, potenciando a singularidade do centro dentro do Sistema Universitario Galego.
O Campus CREA posúe un gran potencial convertido nun importante foco de formación en Galicia con titulacións vinculadas co Arte, o Deseño, a Comunicación e a creatividade. No seu Campus universitario ubícanse xunto á Facultade de Deseño outras facultades do ámbito da creación como a Facultade de Belas Artes, a Facultade de Comunicación e a Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte. A oferta formativa do Campus CREA Pontevedra en todos os seus niveis inclúe, entre outros, os ámbitos do deseño, a arte, a moda, a publicidade, a comunicación audiovisual, a dirección creativa ou a didáctica das artes plásticas e o deseño, xerando importantes sinerxias creativas entre o seu alumnado.
A Facultade de Deseño ubícase na cidade de Pontevedra, no corazón das Rías Baixas. Situada a 25 minutos da cidade de Vigo, e a 40 min da de Santiago de Compostela, atópase unida á autopista Ap9, principal eixo de comunicacións en Galicia que une as principais cidades do eixo atlántico. A 10 minutos camiñando da facultade atópase a estación intermodal de autobuses e trens con acceso ao tren AVE unindo as cidades de A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense, así como o acceso en AVE á Madrid e o resto de España.
A cidade ten desenvolvido nas últimas décadas unha profunda transformación urbana ata chegar a converterse nun dos referentes en canto a calidade de vida e sustentabilidade con numerosos premios nacionais e internacionais. Recoñecida internacionalmente polo seu valor histórico e cultural, posúe un entorno urbano accesible no que a maioría dos seus traxectos realízanse camiñando ou en bicicleta.